PERIGA A NOSA A.M.A.

INFORME SOBRE A AULA DE MEDIO AMBIENTE DO CPI MONTE CAXADO

Dona Mª Josefa Blanco Antelo con DNI      e NRP      , mestra definitiva no CPI Monte Caxado dende o ano 1998 e coordinadora da Aula de Medio Ambiente (A.M.A.) dende o curso 2002-2003 ata día de hoxe, curso 2016-2017. Como mestra e responsable desta A.M.A. quero manifestar o noso pesar e a nosa preocupación pola pretensión da Consellaría de Cultura, Educación e O.U. que por medio do Decreto 60/2017 do 22 de xuño  contempla a extinción de dito centro. Isto conleva , igualmente, a extinción da Aula de Medio Ambiente dunha forma brusca e traumática, sen expectativas de continuidade e onde toda a súa comunidade educativa tiña previsto rematar proxectos xa iniciados e comezar outros novos. Sempre no ánimo de sensibilizar e concienciar no coidado e defensa da Natureza.

De seguido relato brevemente que é a A.M.A. e algunhas das actividades máis salientables.

A Aula de Medio Ambiente ( AMA) do CPI Monte Caxado das Pontes creouse durante o curso 1995-1996.

Desde o momento da súa aparición tivo como único e fundamental obxectivo a concienciación do alumnado na defensa e coidado da Natureza.

Por iso, pretendeuse facer este labor paseniñamente, poñendo curso a curso os chanzos precisos para a consecución deste obxectivo; é dicir, preferimos facer poucas actividades pero que fosen quedando como definitivas para cursos posteriores. De feito, hoxe en día, podemos dicir que as actividades medioambientais forman parte da educación habitual do alumnado deste centro escolar, moi por riba do nivel que poda ter calquera outra área transversal do currículo educativo.

Por iso mesmo é que as actividades da AMA están espalladas ao longo do curso e nos diferentes niveis educativos. Non hai, pois, un grupo específico de rapaces e rapazas adicados a esta tarefa, senón que é todo o colexio o que forma parte deste proxecto.

Quizais o máis salientable deste programa de actividades sexa a súa multidisciplinariedade, xa que non están reducidas a unha soa materia, ou a actividades extraescolares, senón que se realizan en varias delas ( Naturais, Tecnoloxía, Plástica e Visual, Educación Física, Linguas…), enfocadas a esta Aula de Medio Ambiente.

En canto ao profesorado, hai un grupo de persoas, maiormente de E. Infantil e E. Primaria que son as encargadas de organizar as actividades. Non sería xusto esquecer ao grupo de profesores/as de Secundaria que, puntualmente, colaboran neste proxecto.

No curso 96-97 comezamos a participar no programa medioambiental Voz Natura . Vímolo facendo ata día de hoxe. Con este programa obtivemos dous recoñecementos importantes. No curso 98-99 se nos concedeu o Premio Galicia polo traballo desenrolado ese curso na área do Bañal, do que máis adiante explicamos de que trata esta iniciativa. Igualmente no curso 2011-2012 tamén se nos elixiu como colexio premiado co Premio Provincial A Coruña.

ACTIVIDADES QUE DESENVOLVE A A.M.A.

  • Horto escolar e actuacións no viveiro
  • Recollida selectiva ( papel, pilas, compost, plásticos, aceite…)
  • Obradoiros: murais, fungos e cogomelos, de cociña, entroido e obradoiros dende a Sección Bilingüe de plástica
  • Plantacións no colexio : sementes, prantas ornamentais,bulbos, productos de horta (leitugas, tomates, pementos,allos, cebolas,…..),aromáticas e medicinais,pradairos, acivros, loureiros, carballos
  • Actividades segundo o calendario Ecoambiental
  • Concurso de debuxo para o calendario
  • Concurso do Reciclado.
  • Actuacións na Área da Natureza do Bañal.
  • Participación no programa Voz Natura
  • Saídas de carácter medioambiental.

HORTO ESCOLAR

Dende o curso 1999-2000 temos montado un horto no interior do patio de E. Infantil coa idea que os/as nenos/as desa etapa e do 1º Ciclo de E. Primaria poñan en práctica as súas labouras agrícolas. Deste xeito fíxose un peche con estacas, mallas e unhas cancelas para separar este espacio da zona propia de xogo. Tamén seguimos tendo  un composteiro, onde elaboramos o noso compost.

  OBRADOIROS

Outra actividade que goza da preferencia dos/das nosos/as alumnos/as é a realización dos distintos obradoiros, como son :Concurso de fungos e cogomelos,decoración de Nadal, Entroido, cociña, proxecto Monte Caxado, charlas medioambientais.

 CONCURSO DEBUXO

Levamos facendo un calendario nestes  catorce últimos anos onde, aparte dos meses do ano, redactamos uns consellos medioambientais para toda a poboación en xeral e en particular para a xente da nosa vila. No ano 2.003 elaborouno o grupo da A.M.A. coa idea de repartilo en tódalas casas, sen nengún ánimo de lucro e subvencionado polo Concello. Vendo que a idea podía resultar aínda máis fructífera optamos convocar un concurso de debuxo entre o alumnado de 2º Ciclo de E.S.O.onde os motivos a reflexar estiveran relacionados co medio ambiente nos seus aspectos tanto negativos como positivos. Dese concurso saíron uns gañadores que se lles faría un agasallo e ó mesmo tempo eses debuxos elexidos servirían de soporte para elaborar o calendario 2.004.

Neste curso convocamos o 14º concurso de debuxo para o calendario 2017 participando todo o alumnado do centro. O tema dos debuxos foi “Os xogos dos nosos avós”

CONCURSO DO RECICLADO

Como en anos anteriores seguimos a convocar un concurso que está a ter moito éxito entre a nosa comunidade educativa: O certame de reciclado, que este ano vai na súa 18ª edición, na que os/as alumnos/as elaboran xoguetes, maquetas, e todo tipo de artiluxios con material de desfeito. Os obxectos seleccionados polo xurado pasan a formar parte do Museo do Reciclado que estamos a crear no colexio.

ACTUACIÓNS NA ÁREA DA NATUREZA DO BAÑAL

O Proxecto que máis envergadura segue a ter  é a creación dun gran espazo natural denominado Parque Natural Didáctico e Ocio, situado na Casilla do Bañal, preto da estrada As Pontes- Ortigueira. Este terreo é unha cesión do Concello das Pontes, feita no curso 1997-1998, cunha idea prefixada de crear unha fraga autóctona. Isto foise facendo os primeiros anos plantando árbores, que foron o resultado das labores de sementeira de landras e castañas realizadas en tódalas aulas do noso Centro.

Chegou un momento, no curso 2002-2003, no que decidimos darlle un xiro a este proxecto. O motivo principal foi que os resultados acadados non eran os que se pretendían nun principio, xa que a maleza (toxos, herba…) apoderábanse das prantacións. A partires do devandito curso pensouse a idea de crear unha aula de Natureza seguindo unhas pautas lóxicas. Contamos para elo coa colaboración dun profesor de Tecnoloxía do Centro naquel momento que, logo de ver a finca, medila e debatir alternativas, fixo un proxecto que nos está a servir de guía.

Todos os anos imos facer unha ou dúas actuacións con alumnado e mestres a facer plantacións . A día de hoxe xa case está rematado o proxecto que comezamos hai 20 anos.

SAÍDAS DE CARÁCTER MEDIOAMBIENTAL

Como complemento ás actividades que desenvolvemos ó longo do curso no colexio, durante o mesmo realízanse distintas saídas encamiñadas ó coñecemento das distintas realidades da natureza tanto no ámbito galego coma doutras comunidades.

CONCIENCIACIÓN

Como colofón a este informe queremos facer fincapé no máis importante de todo que é a labor fundamental de conquerir que os/as nosos/as rapaces/as acaden un espíritu de compromiso coa conservación e mantemento do noso patrimonio natural, cultural e histórico. Coidamos que todo este traballo é unha caixa de resoancia que traspasa os lindes do alumnado, o que se reflexa en feitos como son a colaboración das familias demostrada cada vez que se lles pide a súa axuda e participación, co que pensamos que esta implicación se leva ó ambito da vida familiar cotiá.

Agradecementos igual de importantes ao Concello das Pontes e diferentes entidades locais que sempre están dispostos a colaborar con nós en todo o que lle pedimos.

Así mesmo quero lembrar e salientar algo moi importante que xa foi mencionado nos primeiros parágrafos deste informe. A Aula de Medio Ambiente do CPI Monte Caxado desaparece no momento en que o fai o centro onde foi creada que é o Monte Caxado. Trátase dun proxecto inherente e vinculante ao CPI Monte Caxado. Se o noso cole , por mor deste fatídico Decreto, se extingue; a A.M.A. desaparece igualmente. UNHA TRISTE DECISIÓN TOMADA DENDE INSTANCIAS ALLEAS Á COMUNIDADE EDUCATIVA DO CPI MONTE CAXADO.

Asdo. Mª Josefa Blanco Antelo, mestra responsable da A.M.A.

As Pontes, 4 de agosto de 2017

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *